MIGUEL ROMERO SELECCIONADO PARA O CAMPIONATO DO MUNDO DE JUDO

9-12/09/2010, EN TOKYO (XAPÓN)


O JUDOKA VIGUÉS MIGUEL ROMERO AZPITARTE DO CLUB VIEIRASA FAMU DE VIGO  PARTICIPARÁ NO CAMPIONATO DO MUNDO ABSOLUTO DE JUDO QUE SE CELEBRARÁ EN XAPÓN NO VINDEIRO MES DE SETEMBRO.

 

A SELECCIÓN ESPAÑOLA CONVOCA SOLAMENTE A CINCO JUDOKAS COA MÍNIMA PARA AVALAR A SÚA PARTICIPACIÓN MUNDIALISTA.

 

Por fin! Esta é a palabra que mellor pode resumir a noticia da participación do judoka Miguel Romero Azpitarte no próximo Campionato do Mundo Absoluto de Judo que se celebrará en Xapón o próximo mes de setembro, participación que vén culminar non só un ano brillante de magníficos resultados, especialmente a medalla na World Cup de Madrid, senón toda unha traxectoria de ilusión, esforzo e traballo que se ve recompensada coa súa primeira participación mundialista, participación que se antollaba vital no difícil camiño cara ás olimpíadas de Londres 2012.

A gran alegría con que todo o Judo galego acolleu esta noticia vén dada non só polo éxito que esta supón en se mesma, nin polo recoñecemento ao palmarés deste judoka que se proclamou Campión de España por primeira vez hai 17 anos na categoría infantil e que tras o triunfo nas distintas categorías polas que ha ir pasando conta entre os seus maiores logros coa medalla de bronce na Universiada 2003 e no Campionato do Mundo Universitario 2006, celebrados ambos en Corea, senón tamén pola súa enorme calidade humana, profesionalidade e humildade que lle fixeron gañarse o respecto da maioría dos competidores e adestradores a nivel autonómico e nacional.

A dificultade desta selección vén constatada polo feito de que soamente outro catro judokas españois de moi alto nivel, na categoría masculina, acompañasen a Miguel á cita mundialista:

1.- Sugoi Uriarte - Campión de Europa 2010 e Subcampión do Mundo 2009.
2.- Kiyoshi Uematsu - Campión de Europa 2004, Subcampión de Europa 2008 e 3º
do Mundo 2005.
3.- David Alarza - Campión de Europa 2005 e Subcampión de Europa 2006.
4.-Anxo Parra - Medallista World Cup Madrid 2010.

O feito de que Tokyo, berce e centro deste deporte a nivel internacional, acolla a organización deste Mundial, supón un acicate máis de estímulo e ilusión para o judoka vigués que realizando unha boa competición (estar entre os 5 primeiros) podería acceder aos primeiros postos do ranking mundial clasificatorio para os Xogos Olímpicos.